luns, 29 de febreiro de 2016

A pobreza en Galiza ten, máis que nunca, faciana de muller

A CIG conmemora este 8 de marzo baixo o lema “Precarias”, para denunciar as infames condicións laborais, salariais e de vida que padecen as traballadoras galegas
“Inactividade, desemprego, eventualidade, empregos a tempo parcial, fenda salarial, economía somerxida e infrasalarios”. Así resumiu Margarida Corral, Secretaria das Mulleres da CIG, a situación laboral que padecen a maioría das traballadoras galegas, na rolda de prensa de presentación do Informe sobre a “Situación Laboral das Mulleres en Galiza” en 2015 e da campaña arredor da que a CIG conmemorará este 8 de marzo, que se desenvolverá baixo o lema que “Precarias”.
16-02-29 RP 8 de marzo
E é que a crise non fixo máis que agravar a xa precaria situación laboral á que están sometidas, nunha porcentaxe moi elevada, as mulleres traballadoras en Galiza. Segundo explicou a responsábel do Gabinete de Economía da CIG, Natividade López, que compareceu xunto a Corral na rolda de prensa, desde o ano 2009, non só descendeu o número de mulleres polas que se declararon ingresos á Axencia Tributaria (-28.974), senón que tamén descenderon os ingresos das que os perciben.
Aumenta o número de traballadoras pobres e diminúen os seus ingresos
De feito, hai menos mulleres asalariadas que no ano 2009 en todos os tramos de ingresos agás o máis baixo, até o punto de que o 20% do total de asalariadas ingresa menos da metade do SMI, isto é, que tiveron ingresos inferiores a 1.871€ ao ano.
Xunto a isto, un 16% de asalariadas tiveron uns ingresos de entre a metade e o SMI (entre 1.871 e 6.834 €), o que sumado ás anteriores dá como resultado que un 36% das mulleres asalariadas non acadaron uns ingresos equivalentes ao SMI.
Fronte a isto, no tramo oposto “hai menos ricas, pero con maiores ingresos”. Así, en 2009, había 955 mulleres con ingresos superiores a 10 veces o SMI e en 2014 eran só 607. As desigualdades incrementáronse neste período até o punto de que “unha muller do tramo de ingresos superior ingresa o mesmo que 72 mulleres do tramo inferior”.
Esta situación ten as súas causas nos cambios que se produciron nestes anos no mercado laboral.
Descende a actividade entre as mulleres máis novas
Desde o ano 2009 perderon o seu emprego 37.400 mulleres en conxunto, pero entre o tramo dos 25 aos 34 anos foron 42.200. Estímase que hai un total de 1.200 activas menos desde esa data. Porén, entre as menores de 35 anos hai 51.500 activas menos, o que implica que son os tramos máis altos de idade os que compensan esas cifras.
Ademais desde 2009 perdéronse 53.100 postos de traballo a xornada completa entre as mulleres e aumentaron en 15.800 os postos a xornada parcial. “Non só se destruíu emprego globalmente”, sinalou López Gromaz, responsábel do Gabinete de Economía da CIG, “senón que se produciron reestruturacións entre as ocupadas a favor das xornadas parciais”.
Xornadas que, por outra banda, non son voluntarias, xa que se en 2009 o 46% das mulleres con este tipo de xornada alegaban como motivo para optar por esta modalidade que non atopaban traballo a xornada completa, agora son o 66% as que alegan esta causa.
Só emprego temporal
Dos datos do Informe tírase ademais que en 2015 só se creou emprego temporal e, neste caso, os datos son especialmente rechamantes: asináronse ao longo do ano un total de 411.510 contratos iniciais a mulleres, pero só aumentou o emprego en 5.300 traballadoras, o que dá idea do tipo de contrato que tiveron. De feito, só o 4,9% deses contratos foron indefinidos e o resto baixo algunha modalidade de contratación temporal. O máis grave é que o 30,9% duraron menos de unha semana e os que duraron entre unha semana e un mes achegáronse ao 44,3%.
O traballo salienta ademais a elevada porcentaxe de mulleres con máis de dous anos no desemprego, o 43,3% do total, “o que as deixa fóra das prestacións contributivas por desemprego e nunha situación de desamparo social”, conclúe López Gromaz.
“PRECARIAS”
Margarida Corral atribuíu esta situación ás reformas laborais, ás fiscais –que incrementaron as desigualdades- e aos recortes sociais. Lembrou que a feminización da pobreza non é un fenómeno novo e denunciou que, en todo caso, “nos últimos anos, a proporción de mulleres entre a poboación pobre medrou”.
Para Corral, “este feito contribúe a un crecente empobrecemento material das mulleres, a un empeoramento das súas condicións de vida e á vulneración dos seus dereitos fundamentais que marca o presente, máis tamén o seu futuro”.
Diante desta situación, a secretaria das Mulleres da CIG considerou fundamental que a CIG estea na rúa denunciando esta situación e anunciou que, este ano para a xornada de loita que todos os 8 de marzo convoca a CIG escolléronse as tendas do grupo Inditex porque a meirande parte do seu persoal “son mulleres, con contratos a tempo parcial, que traballan a un elevado ritmo de traballo, con grande rotación, salarios baixos, ás clase se lles dificulta a conciliación, mentres as empresas conseguen millonarios beneficios a costa da explotación das traballadoras”.
Nesta situación situou tamén ás traballadoras de venda, ás que denunciou que se lles exixe ter boa presenza e sofren discriminacións por razón de idade, xa que, afirmou, “a media de idade é de 28 anos e agochan ás de máis de 40 nos almacéns, ou prexubilan ás de máis de 50.
Corral non esqueceu tampouco ás traballadoras dos centros loxísticos, que “teñen que facer horas extra para poder sacar nunha xornada de traballo a cantidade de prendas marcadas polos ritmos de robotización”; nin ás que son explotadas por estas mesmas empresas nos países pobres, nas fábricas de confección de roupa.
Concentracións
A CIG convoca ás 12:00 horas do 8 de marzo concentracións simultáneas que terán lugar en:
A CORUÑA: na Praza de Lugo, na esquina do Zara Home
FERROL: diante da Confederación de Empresari@s, no Cantón
SANTIAGO: diante do Zara na Praza de Galiza
VIGO: diante do Stradivarius na Avenida de Urzaiz
LUGO: diante da Confederación de Empresari@s, en Santo Domingo
PONTEVEDRA: na Praza 8 de marzo
OURENSE: diante do Gadis da Rúa do Concello