venres, 22 de xaneiro de 2016

A CIG desbanca a CCOO e dispútase coa UGT ser a primeira forza sindical en Galiza

A central acada un total de 4.259 delegados e delegadas, o 27,6% dos electos
A CIG é o único sindicato -dos tres maioritarios- que incrementou a súa representatividade nos últimos catro anos (2012-15). Acada 4.259 delegados/as, o 27,6% dos electos, 304 máis que CCOO e a 162 da UGT. É ademais primeira forza nas comarcas de Vigo, Pontevedra e Ferrol e nas federacións de Administración, Saúde, Ensino e Industria e segunda na Coruña, Santiago e Ourense.
16-01-21 Nacional
O secretario xeral, Suso Seixo, considera que “estamos diante dun importante éxito e recoñecemento do traballo feito pola nosa central sindical” e valora especialmente que estes resultados se acaden “nunha situación social e laboral moi dura para a clase traballadora galega” por mor dos altos índices de desemprego; coa emigración de miles de galeg@s; a caída dos salarios; o incremento da precariedade e da flexibilidade laboral e o debilitamento en xeral da clase traballadora fronte a patronal, como consecuencia da crise económica e das profundas contrarreformas laborais levadas adiante polos gobernos españois, nos últimos anos.
Para Seixo cómpre recoñecer a “valentía” e o “compromiso” dos miles de traballadores e traballadoras galegas que decidiron presentarse pola CIG “na defensa dos seus intereses como clase”, fronte a outras centrais sindicais que “gozan de simpatías e apoios por parte da patronal”, dixo. Un compromiso que asumiron a pesar de “sufrir, en moitos casos a represión dos/as empresarios/as e mesmo arriscando o seu posto de traballo” denunciou.
O secretario xeral asegura que “supón unha satisfacción e un orgullo para todas e todos os que acreditamos no proxecto sindical nacionalista e de clase que a CIG representa” e chama a aproveitar esta oportunidade, que se dá por primeira vez no sindicalismo nacionalista, “de poder situármonos como primeira forza, para seguir traballando e fortalecer un proxecto sindical de vital importancia para unha mellor defensa dos nosos intereses de clase e nacionais e a mellora das condicións de vida e de traballo da clase traballadora galega”.
Período concentrado
Aínda que as eleccións sindicais son un proceso dinámico e aberto que posibilita medir a representatividade en cada momento, tradicionalmente téndese a facer coincidir o cómputo coa finalización do período de maior concentración de eleccións sindicais, que coincidiu co ano 2015, no que, de feito, se elixiron o 62% do total de delegados/as electos/as nos últimos catro anos.
Deste xeito, os datos referidos no seguinte cadro computan os resultados das eleccións sindicais correspondentes ao período de referencia para avaliar a representatividade con carácter global das organizacións sindicais: 2012-2015.
Documentos
RESULTADOS COMARCAS.pdf
RESULTADOS PROVINCIAIS.pdf