luns, 3 de agosto de 2015

Traballo a quendas. Traballo nocturno.


No paquete de maio de procedementos por incumprimento da Comisión Europea, aparece o ditame motivado que lle realiza ao Estado español por non respectar determinados aspectos relacionados coa ordenación do tempo de traballo recollidos na Directiva 2003/88/CE, sobre o tempo de traballo. En concreto referirémonos ao límite de horas de traballo dos/as traballadores/as nocturnos e ao traslado daqueles/as traballadores/as nocturnos que padezan problemas de saúde a quenda diúrna cando esto sexa posible. En concreto a Comisión solicita formalmente a modificación da lexislación de xeito que se adapte á mencionada directiva, pois non está contemplado no ordenamento xurídico español o límite de oito horas como media por cada período de vintecatro horas para o traballo nocturno que implique tensións especiais (artigo oito: duración do traballo nocturno). O Estado español ten dous meses de prazo; en caso de non estabelecer as reformas precisas o caso podería rematar no Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

O traballo supón un gasto de enerxía e polo tanto require un tempo de descanso e recuperación. A organización do tempo de traballo e do necesario tempo de recuperación, adquire unha maior importancia nos traballos a quendas e nocturno.

Que entendemos por traballo a quendas e por traballo nocturno? O traballo a quendas será aquela organización do tempo de traballo segundo a que os/as traballadores/as do equipo sometido ás quendas, ocupan os mesmos postos de traballo seguindo un ritmo determinado e que implica que os/as traballadores/as deben realizar o traballo en distintas horas ao longo dun período de días ou semanas; as quendas poden ser de mañá, tarde ou noite. Por traballo nocturno entendemos aquel que se desenvolve entre as 10 da noite e as 6 da mañá. Traballador/a nocturno/a é aquel que realiza en período nocturno unha parte non inferior a tres horas da súa xornada diaria de traballo, así como aquel/a que realiza en tal período unha parte non inferior a un terzo da súa xornada de traballo anual, como sería o caso dos/as que teñen estipulados tres quendas (mañá, tarde e noite).

 Por que traballamos a quendas? Hai varios motivos segundo a actividade da que se trate; así, hai certos servizos que deben funcionar as 24 horas, como a asistencia médica, os servizos de protección (bombeiros, policía,..), o transporte ou aqueles relacionados cos servizos básicos: auga, electricidade e telefonía. Outros motivos son as necesidades de produción dalgunhas empresas, certos procesos produtivos que non permiten paradas, e incluso os horarios extendidos de tendas, gasolineiras, restaurantes, …
Segundo a VII Enquisa Nacional de Condicións de Traballo, un 22,2% dos/as enquisados/as traballa a quendas, e un 9,0% ten un traballo nocturno, xa sexa fixo ou a quendas. Atendendo ás ramas de actividade, a proporción de traballadores/as a quendas é do 37,2% en actividades sanitarias, veterinarias e servizos sociais, o 32,5% no metal e do 31,3% na industria química, saneamento e extractiva. No caso de traballo nocturno, as porcentaxes por sectores son do 24% en actividades sanitarias, veterinarias e servizos sociais, do 22,6% en industria química, saneamento e extractiva e do 17,5% nos sectores de Transporte e almacenamento e de Hostalaría. Atendendo ao xénero, un 23,6% dos homes traballa a quendas fronte a un 20,6% das mulleres; traballan en horario nocturno un 10,7% dos homes fronte a un 7% das mulleres. Estes tipos de xornada son máis habituais nos centros de traballo de maior tamaño. Seguindo cos datos, hai ocupacións nas que practicamente a metade dos/as traballadores/as está suxeito/a a quendas: o 50,2% no caso de defensa e seguridade, o 43,5% en produción industrial mecanizada e o 40,6% do persoal sanitario; no caso do traballo nocturno, estariamos a falar dos mesmos sectores con porcentaxes inferiores: 42,7%, 25,3% e 28,7% respectivamente.
 Diferentes estudos teñen demostrado que o traballo a quendas sobre todo o que inclúe traballo nocturno, así como o traballo que se desenvolve sempre en horario de noite, pode chegar a producir perturbacións na saúde dos traballadores e traballadoras, que inciden na súa seguridade no traballo así como no seu benestar físico e psicolóxico.

E isto por que? Porque o noso organismo está sometido a ritmos biolóxicos que marcan o seu funcionamento, os ciclos circadianos; ritmos que nos indican o momento de ir durmir ou de comer; está estudado que segundo o momento do día, o ton muscular, a frecuencia cardíaca, a temperatura corporal ou a frecuencia respiratoria varían; así pola noite prodúcese unha diminución das capacidades físicas e mentais, porque, polo xeral, estamos “programados” para a actividade diúrna e o descanso nocturno. Así o traballo a quendas provoca que os/as traballadores/as sufran desaxustes continuos entre o tempo de traballo e o tempo biolóxico.

Cales son as principais consecuencias para a nosa saúde do traballo a quendas e do traballo nocturno? 

Alteracións fisiolóxicas Modificación dos ciclos biolóxicos de traballo e descanso, alteracións do sono, maior tendencia á fatiga física, alteracións dixestivas (debidas a cambios nos horarios e na dieta) e trastornos cardiovasculares.

Alteracións psicolóxicas Fatiga, irritabilidade, insatisfacción, sensación de illamento, trastornos nerviosos, estrés… Alteracións na actividade laboral Dificultade para manter a atención, redución do rendemento, maior posibilidade de cometer erros, menor eficacia ou caída da motivación. 

Alteracións na vida familiar e social  Dificultade para manter actividades e relacións satisfactorias con outros individuos do entorno, chegando a desconectar social e incluso familiarmente.


MEDIDAS PREVENTIVAS A OBSERVAR NO TRABALLO A QUENDAS E NO TRABALLO NOCTURNO .

En relación ás medidas preventivas que se poden implantar para coidar a saúde dos/as traballadores/as que realizan traballo a quendas e/ou nocturno, podemos estruturalas en dous grupos atendendo a que a competencia corresponda á empresa ou ao traballador ou traballadora implicado/a.

ACTUACIÓN PREVENTIVA A IMPLANTAR POLA EMPRESA 

Organización Reducir ao mínimo posible o traballo nocturno ( seguindo a Recomendación da OIT nº 171, art. 27) Realizar neste horario unicamente tarefas imprescindibles, evitando programar unha carga de traballo elevada. Programar as tarefas máis pesadas e de maior complexidade en horario diurno. Evitar tarefas que precisen dunha elevada atención entre as 3 e as 6 de madrugada. Estabelecer as quendas respectando os ciclos de sono: os cambios de quenda poden situarse entre as 6 e as 7, as 14 e as 15, e as 22 e 23 horas. As quendas de tarde e noite non serán máis longas que as de mañá. Estabelecer ciclos de rotación distintos ao longo do ano, posibilidade de acumular días de descanso, no caso de quendas de mañá, tarde e noite, programar descanso despois da quenda de noite. Realizar ciclos curtos en cada quenda, de 2 ou 3 días, co fin de non alterar os ritmos circadianos. Non traballar en solitario na quenda de noite. Diminución do número de anos de traballo a quendas ou nocturno continuado, por exemplo 15 anos como máximo. (Recomendación 178, art. 23). Estabelecer limitacións de idade: evitar o traballo nocturno antes dos 25 e despois dos 50 anos (a OIT recomenda que a partires dos 40 o traballo nocturno sexa voluntario). 

Consulta e participación Estabelecer sistemas de participación dos/as traballadores/as na elaboración das quendas. (Convenio OIT nº 171, art. 10; Estatuto dos traballadores/as, art. 41) Informar aos traballadores/as con antelación suficiente sobre a planificación das quendas. Ter en consideración para a elaboración das quendas a saúde e idade dos/as traballadores/as, as esixencias da tarefa, a exposición a tóxicos. Estabelecer equipos estables para a realización das quendas, de xeito que se posibilite a relación entre os seus membros.

Pausas Incluír na planificación da xornada nocturna pausas suficientes, en cantidade e duración. (Recomendación 178 OIT, art. 7) Habilitar espazos para o descanso durante a quenda que permitan que o/a traballador/a poida tomar algo quente.

Vixilancia da saúde Estabelecer dentro da vixilancia da saúde mecanismos de detección de problemas de saúde asociados ao traballo a quendas e nocturno que permitan dar cumprimento ao artigo 36 do ET (“os/as traballadores/as nocturnos aos que se lles recoñezan problemas de saúde ligados ao feito do seu traballo nocturno, terán dereito a ser destinados a un posto de traballo diurno que exista na empresa para o que sexan profesionalmente aptos”). Realizar seguimento sobre os indicadores de risco asociados ao traballo a quendas e nocturno detectados na avaliación de riscos así como nos resultados da vixilancia da saúde. Availar periodicamente a saúde dos/as traballadores/as a quendas e en xornada nocturna. 

ACTUACIÓN PREVENTIVA A SER DESENVOLVIDA POLO/A TRABALLADOR/A A QUENDAS

Adoptar unha dieta variada, equilibrada e suficiente. Evitar os excitantes e as comidas abundantes nos momentos próximos ás horas de descanso. Manter unha boa hixiene do sono: respecto de horarios, espazos axeitados. Informar ás persoas coas que convivas das túas quendas para facilitar a convivencia. Coidar as actividades da vida social e familiar. Evitar o emprego descontrolado de hipnóticos para durmir e estimulantes para manterse esperto. Realizar exercicio regularmente. En definitiva, reducir ao mínimo posible o traballo nocturno; consultar e informar aos traballadores/as implicados/as para a elaboración das quendas, control do estado de saúde dos/as traballadores/as que realizan as súas tarefas a quendas ou en horario nocturno e manter hábitos de vida, alimentación e descanso saudables. 


Fontes consultadas: EFECTOS DO TRABALLO A QUENDAS E NOCTURNO, FICHA DIVULGATIVA. FD-41. ISSL INSHT. Fichas prácticas, NTP 260, NTP 455, NTP 310, NTP 502, ERGA-fp. “El observatorio. VII Enquisa Nacional de Condicións de Traballo”

Ningún comentario:

Publicar un comentario