venres, 27 de febreiro de 2015

O comité de empresa de Povisa, a excepción de CCOO, partidario de convocar folga e mobilizacións para rexeitar 13 novos despidos.

Traballadores/as do hospital vigués celebraron hoxe unha asemblea urxente ás portas do centro médico e cortaron ao tráfico a rúa Salamanca.
O comité de empresa do hospital Povisa de Vigo, a excepción de CCOO, amósase partidario de convocar folga e mobilizacións para rexeitar os 13 novos despedimentos comunicados hoxe pola dirección, posibilidade que será debatida en asemblea este luns. Nada máis coñecer a decisión, a representación dos traballadores/as celebraron unha asemblea urxente ás portas do centro médico e cortaron ao tráfico a rúa Salamanca.
2015 02 27 ProtestaAsembleaDespidosPovisaVigo01
A presidenta do comité, María Xesús Neira, don a CIG, asegurou con respecto á decisión que vén de comunicar a empresa que “era algo que xa agardabamos, como así o fixemos saber despois de que a dirección retirase o ERE extintivo para 56 traballadores/as”.
Con todo, a responsábel sindical dixo non entender como se lle permite agora á compañía aplicar os despidos unha vez que non foi adiante o ERE porque non se atopaba debidamente xustificado.
“Non pode ser que agora permitan o despido de 10 celadores/as e tres traballadores/as de arquivo e a modificación das condicións laborais de outros/as 23 empregados/as, incumprindo a Lei da Sanidade Pública e o concerto co Sergas, que establece que Povisa debe ter os mesmos estándares de calidade e iguais ratios de persoal, en definitiva, que os pacientes e usuarios/as deben de ter as mesmas condicións e atención que no Sergas, algo que non se dá porque están a reducir o persoal de xeito considerábel”, comentou.
Neste senso, advertiu que os traballadores/as de Povisa desenvolven o seu labor cunha precariedade cada vez maior. Así, lembrou que hai determinadas horas nas que practicamente se reduce á metade o número de técnicos/as en coidados auxiliares de enfermería (Tecae) e celadores/as e criticou que tras os despidos quedarán só 24 celadores/as para atender todo o centro médico. “No hospital Xeral, con case o mesmo número de camas, na quenda de noite traballan 16 celadores/as, mentres que tras os despidos en Povisa haberá só tres”.
Asemblea de traballadores/as o luns
Neira lembrou que existe unha sentenza do TSXG que lle dá a razón ao cadro de persoal no referente ás quendas de Tecae e celadores/as “que non se está a cumprir” e censurou que “ninguén lle obriga á empresa a facelo, cando coa sentenza tería que aumentar o persoal; ao contrario, o que fai é despedir cada vez máis xente”. Diante disto, cualificou a dirección de Povisa de “prepotente” e denunciou que “non lle importan o máis mínimo nin os pacientes nin os traballadores/as”.
De feito, tras a retirada do ERE o comité solicitou unha xuntanza coa dirección para iniciar a negociación do novo convenio, atopándose coa súa negativa; “e agora o que fai é despedir a persoas que levan moitos anos na empresa, cando continúa a facer novos contratos vinculados ao concerto co Sergas”.
A presidenta do comité, que se amosou convencida de que Povisa seguirá cos despedimentos no caso de que non logre un convenio favorábel, cargou tamén contra a Consellería de Sanidade e o Sergas, aos que acusou de “mirar para outro lado”, ao igual que o PP, os Xulgados ou a propia Inspección e Traballo. “Esquécense de que traballamos con persoas e que estamos sometidos/as a moita presión; calquera día vai pasar algo e despois botarémonos as mans á cabeza”.
Finalmente, indicou que a decisión de convocar folga e mobilizacións, da que se amosa partidaria o comité de empresa a excepción de CCOO, será abordada o vindeiro luns na asemblea de traballadores/as a celebrar no salón de actos do hospital, “xa que hoxe se nos foi denegado o uso dese espazo ao non telo solicitado con 48 horas de antelación, a pesar de que se trata dunha cuestión de máxima urxencia. Foi por iso que hoxe decidiron convocar ao persoal diante do centro médico ás 15.00 horas para comunicarlles os despidos e realizar unha primeira concentración que incluíu un corte de tráfico na rúa Salamanca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario