xoves, 30 de xaneiro de 2014

Programa Electoral 2011

povisa manifestacion samil
ELECCIÓNS SINDICAIS: A RESPONSABILIDADE DE TODOS E TODAS.

É o momento de actuar, é momento no que todas e todos os traballadores/as temos a posibilidade de analizar o papel do Comité de Empresa nos conflitos que xurdiron ao longo destes 4 anos. A posibilidade, a responsabilidade e o deber,de decidir quen queremos que nos represente no Comité de Empresa durante os próximos 4 anos.
Pero, realmente, se nalgún momento da Historia de Povisa foi doado decidir o voto, é hoxe. Polo menos, se é doado decidir que tipo de sindicalismo queremos no Comité de Empresa: un sindicalismo domesticado pola dirección ou un sindicalismo reivindicativo, solidario e que non se agacha ante a Dirección.
Si, esa é a principal decisión que temos que tomar, porque dela vai dependercomo se defende os dereitos de convenio, como se defende os postos de traballo, como se defende aos compañeiros/as despedidos/as.
Foron 4 anos de intensa actividade sindical e de confrontación no Comité de Empresa. Fagamos unha breve reflexión sobre os principais acontecementos dos últimos 4 anos:

1. Eleccións Sindicais. 2007

Ante a oposición da maioría do Comité de Empresa á proposta da C.I.G. de convocar unha Asemblea para a presentación do novo Comité aos traballadores etraballadoras, a C.I.G. convoca unha Asemblea Xeral para presentar aos novos delegados/as da C.I.G.
Somos a sección sindical maioritaria, pero en minoría. A C.I.G. ten 8 membros no actual Comité de Empresa. Establecéndose como maioría decisoria no Comité a suma dos votos de: U.G.T. (5) + S.G.P.S. (4) + CC.OO. (3) +O´MEGA (3).
Unha maioría decisoria que exerceu en todos os conflitos como tal, asumindo nun primeiro lugar a Presidencia e Secretaría do Comité de Empresa (inda que en todos os Comités de Empresa, en honor á democracia, sempre asume a Presidencia a sección sindical maioritaria e a Secretaría a seguinte en representación), para despois do “escándalo da documentación ocultada ao Comité de Empresa e aos propios celadores sobre os seus cambios de quendas”, presentaron a dimisión deixando os cargos baleiros durante practicamente toda a lexislatura.

2. Incumprimento do Convenio Colectivo 2006-2009

É o primeiro conflito que debe enfrontar o novo Comité de Empresa, “a Dirección incumpre varios artigos do Convenio Colectivo”. Acórdase a mobilización, facéndose concentracións e manifestacións ao redor de Povisa. O Comité de Empresa decide pecharse na rúa Barcelona para esixir o cumprimento do Convenio e solicita o apoio do persoal en Asemblea. Unilateralmente, e sen debaterse no Comité de Empresa, a “maioría decisoria (sen a participación de O´MEGA, por suposto)” decide abandonar o peche.
Ante dito abandono e sen que a “maioría decisoria” (a partir de agora “m.d.”)  convocase Asemblea para informar as traballadoras, a C.I.G. convoca Asemblea para informar e decidir se os delegados/as da C.I.G. debían seguir o peche en solitario ou abandonar. A Asemblea decidiu que a C.I.G. debía deixar o peche ante o abandono do resto do Comité.
A partir de aí, o conflito entrelázase co seguinte punto.

3. Cambio organización traballo e quendas celadores:

En pleno conflito polo cumprimento do Convenio Colectivo, a empresa decide facer cambios organizativos no traballo dos celadores que afectan ás quendas, aumentando a xornada anual real.
Neste conflito xa se manifesta dende o inicio os distintos enfoques existentes no Comité de Empresa: por unha banda, unha “m.d.”que renuncia á mobilización e propón xudicializar o conflito e doutra a C.I.G. que entende que o conflito non é xudicial se non sindical e que debe unirse á defensa dos dereitos do Convenio Colectivo xa que todo formaba parte dunha mesma represión sindical e precarización do traballo que ía afectar a todas as categorías profesionais antes ou despois.
Gañou a opción de non mobilizarse, de levar os conflitos por separado: “divide e vencerás”. Nin se defendeu o Convenio, nin se defenderon as quendas dos celadores.

4. Negociación e sinatura do Convenio Colectivo

E nestas chegou a negociación do Convenio Colectivo para o ano 2009. Preséntase o Anteproxecto do Convenio, apróbase en Asemblea e a negociación non marcha ben. A Dirección, reforzada ante o éxito de dúas mobilizacións mortas a medio camiño, non oferta nada, non acepta nada. Acórdase en Asemblea Xeral convocar Folga pola Negociación do Convenio Colectivo que ten o respaldo todos os membros do Comité de Empresa, agás O´MEGA.

A folga empeza xa con conflito polo establecemento e cumprimento da lexislación por parte da Dirección en todo o relacionado a información ao Comité de Folga.
Inda así, a Folga é un éxito, foi unha folga como as de hai moitos anos, unha folga que nos uniu a todos e todas como facía moito tempo que non nos unía un conflito. Uniunos a todos menos á “m.d.”

Despois de moitos anos, estabamos todos/as (todas e todos os que estamos sempre), os antigos, os novos, os Sergas, os fixos e os eventuais, os de mantemento e as de  hostalería, administrativos e enfermeiras, auxiliares e celadores. Todos e todas.
Todas e todos os que nos comprometemos a non asinar o convenio se non se conseguía unha lista de contratación que evitara represalias sobre os eventuais que participaran na folga.

E outra vez, a “m.d.” decide asinar o Convenio Colectivo, sen conseguir nada, máis alá de promesas incumpridas como a “gardería de empresa”, “aplicación da Lei de Igualdade”, …. E por primeira vez, de maneira pública e manifesta, a “m.d.” abandona á súa sorte aos compañeiros e compañeiras eventuais que participaron na Folga, xa que o Convenio asinado non recollía ningunha Lista de Contratación ou condición de “non represalias contra ningún traballador/a como consecuencia da súa participación na folga”, como se fixo sempre tras unha folga.

Chelo Martinez Povisa
5. Despedimento de Chelo
E chegaron as represalias, pero non sobre os eventuais. A represalia caeu sobre a persoa que exerceu de portavoz do Comité de Folga, da persoa que informaba nas Asembleas, da compañeira Chelo.
A Dirección abre a Chelo un “expediente contraditorio” obrigatorio para sancionar a calquera membro do Comité de Empresa. A C.I.G. convoca Asemblea de Traballadores e inicia mobilizacións en contra do expediente.
A “m.d.” opina que non pasa nada, que Chelo vai de vítima, que non fai falla unha Asemblea, néganse a emitir un informe conxunto como Comité de Empresa.

Tras un mes, a Dirección entrega a Chelo unha carta de “Despedimento Disciplinario pola súa actuación durante a folga”. A C.I.G. informa ao Comité de Empresa e se convoca Asemblea de Traballadores para informar e decidir mobilizacións.
A “m.d.” participa discretamente nas mobilizacións, sen tomar iniciativas, actúan de acompañamento, porque entenden que o despedimento de Chelo é cousa da C.I.G., que a eles non lles afecta. Nin lles afecta como membros do Comité de Empresa, nin lles afecta como asinantes do Convenio, nin lles afecta como membros do Comité de Folga no conflito que deu lugar ao despedimento.

A “m.d.” do Comité de Empresa, esta vez todos (U.G.T., CC.OO., S.G.P.S. e O´MEGA) apoian, pero dende casa, non participan nas mobilizacións, o único que fan é  “pedirlle ao Sr. Silveira que non despedira a Chelo” e como o Sr. Silveira díxolles que NON, acabouse para eles o conflito.
Desapareceron e esquecéronse por completo do despedimento dun membro do Comité de Folga e Comité de Empresa.
O medo á represión e a actitude covarde e cómplice coa Dirección da “m.d.” do Comité de Empresa, deixaron á C.I.G. soa na defensa da anulación do despedimento de Chelo.
Á C.I.G. e uns poucos e poucas valentes que se manifestaron solidariamente todos os días, que foron de testemuñas de Chelo, xa que ningún membro do Comité de Empresa e do Comité de Folga dos sindicatos U.G.T., CC.OO., S.G.P.S. e O´MEGA ofrecéronse a declarar en defensa da compañeira.

Pero a C.I.G. non se rendeu e seguiu loitando.
Esta vez estableceu durante toda a semana anterior ao xuízo unha caravana permanente nun lateral de Povisa. Pola caravana pasaron compañeiras e  compañeiros de Povisa e do sindicato C.I.G., pero non apareceu ningún membro do Comité de Empresa dos outros sindicatos.
O xuízo celebrado en 1ª Instancia no Xulgado de Vigo, declara o despedimento nulo, pero a Dirección de Povisa non admite a Chelo a traballar, abóalle o salario e recorre a sentenza ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
A sentenza do Tribunal Superior declara o despedimento procedente.
Chelo recorreu esta sentenza ante o Tribunal Supremo, que se inhibe. Actualmente, a sentenza está recorrida ante o Tribunal Constitucional.
O mesmo día que se coñece a sentenza do Tribunal Superior de Galiza que declara procedente o despedimento de Chelo, a Dirección procede ao despedimento de 15 compañeiras e compañeiros de Arquivo, que nos mete de cheo no seguinte conflito.

Povisa manifestación 2013
6. Despedimento de 15 compañeiras e compañeiros de Arquivo.

O día 5 de Maio, entrégase a 15 administrativos/as de Arquivo Notificación de Despedimento por Razóns Organizativas.
Celébrase Asemblea para decidir as medidas a adoptar ante estes novos despedimentos, encontrándonos novamente con dúas estratexias opostas no Comité de Empresa: por unha banda a C.I.G.  que propón subir a Dirección o Comité de Empresa nese momento, coa Asemblea pechada e obrigar a Dirección a retirar os despedimentos; por outra banda, a “m.d.” que prefiren negociar.

Os despedidos/as decántanse pola opción da “m.d.” celebrándose poucas concentracións e sen moito ruído, reducindo así o conflito a un plano meramente institucional, a través de reunións coa Dirección de Povisa e coa Delegada da Xunta en Pontevedra.

Remata así o conflito cun gran fracaso: o despedimento dos 15 compañeiros e compañeiras que se van coa indemnización mínima.

Así, temos a deshonra de ser Povisa é a única empresa da comarca de Vigo que permitiu primeiro o despedimento dun membro do Comité de Empresa pola súa labor na folga e a primeira onde se pecha un ERE polo prezo mínimo que impón a Lei e sen custes nas Relacións Laborais para a Empresa. É a única empresa onde os despedimentos deféndense nos despachos, sen traballo sindical. Porque para a “m.d.” do Comité de Empresa parece ser máis importante non enfadar ao “amo” que defender os dereitos e os postos de traballo dos seus representados e representadas.
E para máis vacilar, a empresa, crecida ante os últimos acontecementos, tras despedir aos 15 compañeiros e compañeiras de Arquivo permítese o luxo de estar a  facer “contratos relevo de Administrativos”. ¡¡¡Pero se xa os tiña na empresa!!!.

7. Negociación Concerto SERGAS-POVISA

E ante tanta colaboración por parte da “m.d.”, a Dirección decide seguir adiante e utilizar ao cadro de persoal para a defensa do Concerto.
Primeiro ameaza con presentar un ERE de extinción para practicamente todo o  cadro de persoal se o Sergas non renova o Concerto con determinadas condicións das que non fomos informados.
Novamente hai división no Comité de empresa:
Por un lado a C.I.G. defende iniciar mobilizacións e manter contacto cos concellos afectados polo Concerto en defensa dos postos de traballo; a “m.d.” quere mobilizarse para defender a sinatura do Concerto nas condicións que defende a Dirección. Inícianse mobilizacións e contactos coa Xunta para esixir unha explicación
do que está a pasar coa negociación do Concerto e que calquera acordo entre Povisa e o Sergas debe conter o mantemento dos 1.500 postos de traballo.
A Xunta asegura que non hai ningún motivo para pensar que o Concerto non se vaia asinar, e que o persoal de Povisa pode estar tranquilo respecto á renovación do mesmo. Pero as mobilizacións contra o Sergas seguen, xa que a “m.d.” quere esixir a sinatura do Concerto e así fomos testemuñas como a Dirección que decide e asina os despedimentos se manifestaba xunto cos traballadores/as.
E efectivamente, Dirección e Sergas seguen a negociar, e chegarán ao acordo que sexa, pero para o que, seguramente e despois de utilizarnos, non nos pedirán opinión.

Povisa manifestación 2013
Durante todo o conflito a “m.d.” do Comité de Empresa e a Dirección atacaron á C.I.G. insistindo en que non estabamos a favor da negociación do concerto porque defendemos a Sanidade Pública.

¡ Un pouco de seriedade.!

A C.I.G. defende a Sanidade Pública e Gratuíta como un ben Universal para todos e todas. Porque a Saúde é unha responsabilidade do Estado e non pode depender en ningún momento das posibilidades económicas de cada un.

A C.I.G. defende a Sanidade Pública e Gratuíta porque en realidade máis que gratuíta é solidaria, de xeito que todos e todas os cotizantes aportamos ao sistema para o beneficio noso e dos máis desfavorecidos.

A C.I.G. defende a Sanidade Pública e Gratuíta con xestión pública porque todo aquel que xestiona os cartos públicos debe facelo pensando no beneficio da poboación. a quen vai dirixido e non en como abaratar custes.

A C.I.G. defende a continuidade dos postos de traballo e do poder adquisitivo e dereitos sociais conquistados polos traballadores e traballadoras de Povisa ao longo dos anos. Pero nós non imos defender nin máis diñeiro público para Povisa nin que a continuidade teña que ser baixo a titularidade de Povisa, se non hai acordo no Concerto, o Sergas deberá asumir as súas responsabilidades coa totalidade do cadro de persoal de Povisa.

A C.I.G. defende que no caso de acordo no Concerto, este debe recoller a obriga do mantemento dos postos de traballo e do cumprimento do Convenio Colectivo. Porque sexamos obxectivos, si xa teñen practicamente o acordo,  ¿por qué cambios de quenda que aumentan a xornada laboral e provocaran máis despedimentos? ¿por qué non pagan os atrasos? ¿por qué non cumpren o Convenio?. Porque o Concerto non ten nada que ver coa política de persoal da Dirección de Povisa, sexa cal sexa o Concerto que se asine, esta Dirección seguirá a incrementar o traballo, reorganizar a todas as categorías, aumentando a súa xornada laboral ao máximo, empeorando os seus descansos, despedindo,...

E se non analicemos o seguinte punto.

8. Incumprimento convenio, cambios de quendas:
E así foi. Cambios de quendas, incremento da xornada, incumprimento do convenio,
aumento da carga de traballo, cambio de descansos, redución dos descansos en fin de semana, …

9. Antigüidade

Foi no ano 1998 cando se conxelou a antigüidade nun Convenio asinado por C.I.G., U.G.T. e Chiruca (S.G.P.S.). A C.I.G. fíxoo convencida de asinar un bo acordo, pero os demais, ao mellor pensaban que estaban a facer un favor á Dirección.
Tiñamos un convenio practicamente conxelado en salario e melloras sociais (días de convenio, vacacións, …). A antigüidade supuña un incremento salarial do 7% que se cobraba cada 3 anos, é dicir, o convenio estaba a reducirse a pouco máis dun incremento salarial do 2,33% anual.

Ademais, despois da carga policial do ano 1996, o conflito estaba en punto morto:
non se quería ir á folga, pero tampouco se aceptaba a subida salarial do 1% que ofrecía a Dirección.

A conxelación da antigüidade permitiu cobrar anuenios entre o ano 1998 e 2006,conseguir subidas salariais por encima do IPC e mellorar as condicións sociais do Convenio.

Deixémonos xa de demagoxias.

Se houbo unha negociación na que se lle regalou á Dirección o mellor artigo do Convenio, foi no ano 1994, no que CC.OO, CGT e Independentes asinan un convenio que elimina o dereito á Promoción Interna. Este artigo, inda que se intentou mellorar en posteriores convenios, nunca recuperou a súa importancia.

O artigo anterior ao ano 1994 obrigaba á empresa a convocar todas as prazas vacantes ou de nova creación, outorgándose por antigüidade e saúde. As prazas que quedaban vacantes, pasaban a ser ocupadas por persoal de xornada reducida ou por persoal eventual, que automaticamente pasaba a ser indefinido.

Este era o artigo que impedía os despedimentos masivos, que garantía a continuidade do emprego para os eventuais, coa seguridade que antes ou despois pasarían a indefinidos. Agora, sen ese control, a Dirección reduce e amplía xornadas ao seu antollo, contrata a quen quere sen ter en conta os servizos prestados en Povisa, despide a compañeiros e compañeiras mentres fai contratos indefinidos a outros,…

PARÉMOLO XA. AGORA É O MOMENTO

E agora ven o futuro, un futuro que debemos decidir como queremos que sexa, como queremos vivir:

• Precarizados e precarizadas, coa ameaza permanente do despedimento, sen quendas estables, …., sempre calando e poñendo o lombo.

• Defendendo os nosos dereitos, a nosa dignidade, enfrontándonos á Xunta cando sexa necesario e á Dirección cando a responsabilidade é dela.

Espérannos 4 anos moi duros a nivel laboral, social e económico. Este ano, máis que
nunca cada voto decide como quere que sexa o seu futuro laboral.


Ningún comentario:

Publicar un comentario